O pasado 18 de Novembro publicouse a Lei de Augas de Galicia no DOG para entrar en vigor a partir do 27 de Decembro de 2010.
Esta lei enmárcase nas políticas privatizadoras da auga impulsadas polo Banco Mundial e a OMC, de maneira que sexan empresas e non administracións públicas quen xestionen os diferentes ciclos da auga, e singularmente o abastecemento de auga potable.
A fórmula que se adoptou en Galiza pola privatización deste recurso xa comezou hai moitos anos cando o subministro de auga corrente para cidades e vilas lle foi outorgado mediante concesións a diferentes empresas privadas. Malia todo isto, quen xestionaba as augas e dirixía a política autonómica nesta materia ate agora era un Organismo Autónomo enteiramente público denominado Augas de Galicia, xunto con unha empresa pública Obras e Servizos Hidráulicos encargada da execución de obras.
Coa aprobación da nova lei suprímese Augas de Galicia como organismo autónomo da administración pública e créase a Sociedade Pública Augas de Galicia para asumir as funcións de xestión pública da auga e dirección das políticas que se adopten nesta materia. O resultado é un ente híbrido entre o dereito público e o dereito privado que se beneficia das disposicións de dereito privado cando non é obrigatorio aplicar o dereito publico. O resumo do resultado é algo así:
1.- En materia de persoal, vai haber funcionarios que continúen en calidade de funcionarios públicos traballando en Augas de Galicia, e o persoal novo que se incorpore vaino facer mediante contratación privada.
2.- En materia de contratación, teoricamente está suxeito á lexislación básica de contratos e concesións administrativas, pero ao non ser un ente administrativo non se poden empregar os mecanismos de control previstos para os mesmos na lexislación.
3.- En materia de réxime patrimonial, van poder adscribirlle bens e vai poder adquirir bens propios co seu propio patrimonio.
Os bens da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos ou cedidos a Augas de Galicia para o cumprimento das súas funcións conservarán a titularidade e cualificación xurídica de bens públicos, correspondéndolle á entidade utilizalos, administralos e explotalos con suxeición ao ordenamento xurídico vixente.
Básicamente isto implica que os encoros, canalizacións, depuradoras e demais instalacións públicas van poder ser obxecto de novas concesións ou prórrogas por parte de Augas de Galicia, que será quen xestione o diñeiro que obteña destas concesións.
4.- Para cobrar cantidades de diñeiro aos particulares vai poder empregar os mecanismos de constrinximento dos que dispoñen os organismos da administración pública.
5.- Augas de Galicia ditará actos administrativos que serán impugnables directamente perante a xurisdición contencioso administrativa.
6.- A dirección da política hidráulica e a protección dos seus recursos correspóndelle exclusivamente a esta sociedade pública.
A partir desta forma de funcionamento do novo ente, os Concellos van poder seguir tendo as súas competencias en materia de abastecemento e van poder continuar a privatización coa concesión a empresas privadas do abastecemento.
A aprobación dun proxecto ou anteproxecto de obras en materia hidráulica vai implicar automaticamente a súa declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación sen máis trámites (perdéndose os mecanismos de defensa dos propietarios e das colectividades afectadas por obras, depuradoras, encoros, etc...)
Establécense mecanismos do que chaman “política de recuperación de custos e servizos”, e que vai implicar pagar por todo, incluso por servizos que non recibimos.
O caso máis paradigmático disto é o canon da auga, que onde haxa abastecemento será cobrado a través da empresa que teña a concesión do subministro e onde non haxa este abastecemento (na maioría do rural do país) será cobrado directamente pola administración mediante algo parecido a unha declaración da renda, de maneira que cada vivenda terá declarar e liquidar o canon.
Resumo do canon:
1.- É un imposto que lle impoñen a todas as persoas con independencia do tipo de suministro que teñan e da auga que consuman.
2.- Onde haxa abastecemento será cobrado a través da empresa que teña a concesión do subministro.
3.- Onde non hai redes de abastecemento hai dúas formas de pagar este tributo:
Instalando un contador e declarando o consumo que se faga (no regulamento da lei desenvolverase o procedemento).
No caso de non ter contador nin querer instalalo a administración vai tramitar un expediente para determinar o consumo e persoas que teñen que pagar o canon, e que contempla un auténtico abuso como é a presunción de que en cada vivenda como mínimo viven tres persoas, e mentres non se acredite documentalmente (mediante certificados de empadroamento) que viven menos persoas, van ter que pagar polo consumo calculado destas tres persoas.
Augas de Galicia neste contexto vai ter unha función de recadación e inspección deste tributo, de maneira que poderán comprobar se as lecturas dos contadores son correctas ou se as declaracións presentadas se corresponden coas persoas que viven na casa.
Os usos agrícolas, forestais e gandeiros contémplanse como usos non suxeitos, pero logo establécense un tipo de gravame cunha parte fixa e unha variable por contribuínte e mes (2,50+ 0,005 €/m3 por contribuínte e mes). No caso de que determinen a existencia dunha “especial contaminación” pola natureza ou cantidade por fertilizantes, pesticidas ou materia orgánica, comprobado polos servizos de inspección da administración competente, poderían esixir o pago do tributo ás explotacións deste tipo.
Resulta significativo que a lei contemple dous réximes sancionadores diferentes, un para as infraccións en materia do pago do canon e outro para o resto de infraccións.
A vertedura e o saneamento tamén son obxecto dun tributo, anque neste caso o tributo polo saneamento só o pagarán quen teñan este servizo.
Polo que se refire á vertedura de augas contaminantes continúase aplicando o principio de que “quen contamina paga”, de maneira que pagando, as empresas van poder seguir contaminando.
Tamén aproveitan esta lei para “legalizar” tódalas verteduras de augas residuais dos Concellos ós ríos e ó mar.
DEMANDAS DO SLG:
RETIRADA DA LEI DE AUGAS DE GALIZA
QUE AS AUGAS SIGAN SENDO UN BEN PÚBLICO UNIVERSAL XESTIONADO POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
PRIORIZAR O CONSUMO HUMANO, DOS ANIMAIS E OS USOS AGRARIOS
OS PREZOS DO SUBMINISTRO E DA DEPURACIÓN SÓ DEBERÁN PAGARSE NO CASO DE QUE SE REALICE O SERVIZO, E NON PODE EXCEDER DO CUSTE DESTE.
Nenhum comentário:
Postar um comentário