Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

terça-feira, 15 de março de 2011

Boletín nº2 da Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga - 15.03.2011

Reunidas, o 14 de Marzo de 2011, as persoas que lle dan vida á Plataforma, tanto a nível individual como en representación dos colectivos e organizacións, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro tratamos e acordamos o que segue:


Cuestións previas

En primeiro lugar o representante do BNG, pediu a palabra para manifestar que a súa organización política non ía participar na Plataforma de Ferrol Terra, pois como xa adiantara na anterior reunión, o BNG mantén unha dinámica propia na loita contra a Lei de Augas, polo que decidiran, no organismo correspondente, non formar parte desta plataforma comarcal unitaria.

En segundo lugar, o representante de ADEGA, manifestou que a súa situación seguía sendo dun apoio provisional, pois até o de agora non tomaran un acordo de integración na plataforma.

Por outra banda constata-se que desde o goberno galego -Xunta de Galicia, hai unha contra-campaña propagandística nos medios de comunicación públicos e privados comerciais falando das "excelencias" da nova "Lei de Augas de Galicia", para intentar de desmobilizar á cidadanía diante da Manifestación convocada para o 20 de Marzo.


Autobús a Compostela

Posteriormente pasou-se a concretar os asuntos pendentes como o da contratación dun Autobús, para desprazar-se en transporte colectivo a Compostela o día da Manifestación Nacional, que está convocada para o vindeiro Domingo 20 de Marzo. En referencia a este punto dicir que o custe do autobús será aproximadamente duns 280 € -euros, polo que o prezo sería duns 5 ou 6 € -euros- por persoa. Ratificou-se a hora e lugar de saída, Domingo 20 de Marzo, ás 10:00 hs desde as inmediacións da Praza 10 de Marzo, fronte ao IES Ferrol-Terra, no barrio de Recimil. Para coordenar a reserva de praza no Autobús sinalaron-se os seguintes teléfonos: 645158113, 698172590 e 637567497.


Actos Públicos

Con respecto aos Actos Públicos de información e debate sobre a Lei de Augas de Galicia que están programados, constatou-se a grande cantidade de actos programados, algún de grande interese, perante toda a semana, e en concreto nos días xa programados, 16 e 17 de Marzo. Aínda sendo así, e correndo o risco de que os outros actos resten participación aos nosos, acordou-se manter a realización dos mesmos. Informou-se que nestes actos participará unha representación do Sindicato Labrego Galeo - Comisións Labregas. Os que seguen son os actos programados:

- Mércores 16 de Marzo, ás 19:30 hs, no local da Asociación Veciñal de Serantes, nas inmediacións das antigas Vivendas Sindicais, fronte a Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Este acto está aberto a toda a veciñanza, mais vai dirixido especialmente ao movimento asociativo e veciñal da zona rural de Ferrol.

- Xoves 17 de Marzo, ás 18:00 hs, no Centro Cultural "Carvalho Calero", no Inferniño. Este acto está aberto a toda a veciñanza, mais vai dirixido especialmente ao movimento asociativo e veciñal da zona urbana de Ferrol.

Acorda-se continuar facendo, pasada a manifestación do 20M, este tipo de actos noutros lugares da Comarca.


Mocións nos concellos da Comarca

Informa-se de que xa difundimos unha copia da moción presentada e aprobada no Concello de Ferrol. Tamén se inmforma de que en Narón o partido Terra Galega -TEGA, asumiu a moción e anunciou que a vai presentar a debate e aprobación nunha das sesións plenarias do Concello. Por outra banda en Fene e Neda tamén se vai presentar. Acorda-se levar un seguimento deste asunto e seguir promovendo que se presenten máis mocións no resto dos concellos da Comarca.


Conta e Blogue

Informase de que xa temos un blogue e unha conta de correo-e.

Sitio na rede da Plataforma:
http://auga-dereito-humano.blogspot.com/

Correo-e da Plataforma:
augadeferrolterra@gmail.com


Carta de presentación da Plataforma

Acorda-se ratificar a Carta de Presentación proposta:

Carta de constitución da "Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga"

Constituímo-nos en Ferrol como plataforma unitaria de organizacións e colectivos, co obxectivo de concienciar e promover un estado de opinión en defensa da auga. Mais da auga como un ben natural a protexer, non como un produto susceptíbel de comercialización ou unha mercancía máis na lóxica do mercado capitalista.

Constituímo-nos para defender a auga ao igual que o aire que respiramos ou o Sol que nos dá vida, luz e calor.

Constituímo-nos para defender a auga como un ben básico e indispensábel para a vida. Polo que debe ser considerado como un ben público e universal, que debe cumprir para as persoas, antes de nada, una función social de alimento e de hixiene.

Constituímo-nos para defender a auga como un ben escaso e insubstituíbel que debemos protexer. Polo que toda lexislación ou regulamentación legal sobre a auga debería prohibir a súa privatización e que se tire un beneficio ou se especule coa mesma.

Constituímo-nos para defender o dereito ao auga como un dereito humano, como así xa foi establecido pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celebrada o 28 de xullo de 2010, no seu sesaxésimo cuarto período de sesións, nunha resolución que recoñece ao auga potable e ao saneamento básico como dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos.

Constituímo-nos para abrir un debate político e cidadán sobre a necesidade do rescate ou remunicipalización da xestión da auga por parte dos concellos da Comarca.

Constituímo-nos para rexeitar a recente aprobada "Lei de Augas de Galicia", por considera-la o principio da privatización do ben natural que é a auga.

E decidimos a constitución dun movimento que aglutine a diversas organizacións e colectivos de Ferrol Terra co obxectivo de conseguir a derrogación da "Lei 9/2010, do 4 de Novembro, de Augas de Galicia".

Ferrol, 7 de Marzo de 2011


Outros asuntos

Informa-se de que n'O Recuncho o programa radiofónico da A.C. Fuco Buxan tratou-se o asunto da Lei de Augas e da Plataforma. Acorda-se difundir toda esta actividade por todos os medios que teñamos ao noso alcance. Informou-se de que se vai publicar no Blogue da plataforma un documentario "Flow - Polo Amor a Auga", para que valoremos se paga a pena proxectar este documentario como unha actividade publica máis da Plataforma.


Próxima xuntanza

Acorda-se realizar unha nova reunión, o Luns 28 de Marzo, ás 6 da Tarde, no mesmo local da Asociación Veciñal de Esteiro. Entre outros asuntos acorda-se levar o do "Manifesto pola recuperación das rías galegas" das confrarías de Ferrol, Barallobre e A Coruña, pois é un asunto moi importante que entraría nos asuntos a abordar pola nosa Plataforma.

En Ferrol, a 14 de Marzo de 2011
----------

Apoio da Asociación Cultural Lefre de Caldereta

A A.C. Lefre de Caldereta, manifesta o seu apoio a Plataforma en Defensa da Auga de Ferrolterra.

Manuel Alonso Varela

Presidente

Ferrol, 15 de Marzo de 2011

lefre@lefredecaldereta.com

http://lefredecaldereta.com/
_________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário