Logo de varias roldas de intervencións e un construtivo debate acordamos o que segue:
1.- Constituír a Plataforma, conformada, provisionalmente, pola Asociación Cultural "Fuco Buxán", Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -ADEGA, Asociación Veciñal de Esteiro, Asociación Veciñal de Prioriño, Bloque Nacionalista Galego -BNG, Colectivo Ártabra 21, Esquerda Unida -EU e Refundación da Esquerda de Ferrol Terra. Denominando-nos "Plataforma de Ferrol Terra pola Defensa da Auga"
2.- Que esta Plataforma está aberta á incorporación de calquera organización, asociación, colectivo ou entidade que coincida cos obxectivos formulados.
3.- Asumir como propio o Manifesto Conxunto contra a Lei de Augas de Galicia e elaborar unha sinxela "Carta de constitución da Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga", a modo de presentación.
4.- Apoiar a Manifestación, pola derrogación da "Lei de Augas de Galicia", convocada para o Domingo 20 de Marzo de 2011, pola Plataforma Nacional que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela.
5.- Contratar un Auto-Carro para facilitar un medio de transporte colectivo, para desprazar-se até Compostela, para poder participar na Manifestación do 20 de Marzo. O Auto-carro sairía, ás 10 da mañá, desde as inmediacións da Praza 10 de Marzo, no barrio de Recimil
6.- Realizar dous actos de información e debate, un para o movimento asociativo e veciñal do rural de Ferrol o Mércores 16 de Marzo, ás 19:30 horas no local da Asociación Veciñal de Serantes; e outro para o movimento asociativo e veciñal da zona urbana, no Centro Cultural "Carvalho Calero", no Inferniño, ás 18:00 horas [Poñemos ás 18:00 para non contra-programar, pois hai un acto de ADEGA convocado para as 19:30]. Co compromiso de continuar con este tipo de actos logo da Manifestación do 20 de Marzo.
7.- Promover a presentación de mocións en todos os concellos da Comarca, collendo como referencia a presentada e aprobada no Pleno Municipal do Concello de Ferrol celebrado o pasado 24 de Febreiro de 2011.
8.- Abrir un debate político e cidadán sobre a necesidade do rescate ou remunicipalización da xestión da auga por parte dos concellos da Comarca.
9.- Abrir unha conta de correo-e e un sitio na Rede.
10.- Comunicar o acordado á Plataforma Nacional.
11.- Realizar unha próxima reunión o Luns 14 de Marzo, ás 6 da Tarde, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro.
Anexos -I-
Borrador
Carta de constitución da "Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga"
Constituímo-nos en Ferrol como plataforma unitaria de organizacións e colectivos, co obxectivo de concienciar e promover un estado de opinión en defensa da auga. Mais da auga como un ben natural a protexer, non como un produto susceptíbel de comercialización ou unha mercancía máis na lóxica do mercado capitalista.
Constituímo-nos para defender a auga ao igual que o aire que respiramos ou o Sol que nos dá vida, luz e calor.
Constituímo-nos para defender a auga como un ben básico e indispensábel para a vida. Polo que debe ser considerado como un ben público e universal, que debe cumprir para as persoas, antes de nada, una función social de alimento e de hixiene.
Constituímo-nos para defender a auga como un ben escaso e insubstituíbel que debemos protexer. Polo que toda lexislación ou regulamentación legal sobre a auga debería prohibir a súa privatización e que se tire un beneficio ou se especule coa mesma.
Constituímo-nos para defender o dereito ao auga como un dereito humano, como así xa foi establecido pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celebrada o 28 de xullo de 2010, no seu sesaxésimo cuarto período de sesións, nunha resolución que recoñece ao auga potable e ao saneamento básico como dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos.
Constituímo-nos para abrir un debate político e cidadán sobre a necesidade do rescate ou remunicipalización da xestión da auga por parte dos concellos da Comarca.
Constituímo-nos para rexeitar a recente aprobada "Lei de Augas de Galicia", por considera-la o principio da privatización do ben natural que é a auga.
E decidimos a constitución dun movimento que aglutine a diversas organizacións e colectivos de Ferrol Terra co obxectivo de conseguir a derrogación da "Lei 9/2010, do 4 de Novembro, de Augas de Galicia".
Ferrol, 7 de Marzo de 2011
Anexo -II-
Sítio na rede da Plataforma:
http://auga-dereito-humano.blogspot.com/
Correo-e da Plataforma:
augadeferrolterra@gmail.com
Nenhum comentário:
Postar um comentário