Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

domingo, 3 de abril de 2011

Presentadas Alegacións ao primeiro Regulamento que desenvolve a Lei de Augas de Galicia


A Lei de Augas de Galicia entrou en vigor no mes de Decembro do pasado ano 2010, mais para o seu desenvolvemento está previsto a elaboración de varios regulamentos, entre o que está o Estatuto de Augas de Galicia. Como prevé a Lei tanto o Organismo Autónomo "Augas de Galicia" como o ente "Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos -EPOSH", desaparecerían para integrar-se todo nun só ente que sería unha empresa "Augas de Galicia". Polo que "Augas de Galicia" deixaría de ser un Organismo Autónomo, para converter-se nun ente empresarial, polo de agora empresa pública, que asumiría todas as competencias en materia de auga que ten a Comunidade Autónoma. Entre elas a transferencia dos activos do sector públicos ao sector privado, mediante licencias, convenios, concesións, contratas, ...

A xestión da auga na Galiza, na súa competencia, municipal está na súa maioría privatizada, unha só empresa [Aquagest] xestiona a auga de máis dun millón de persoas, tamén mediante a formula de empresas mixtas pública-privada, con maioría de capital público, mais a xestión en mans da parte privada. Este  é o caso das empresa EMAFESA (Ferrol) e COSMA (Narón) na nosa Comarca.

"O primeiro regulamento que desenvolve a Lei de Augas, legaliza o negocio e a privatización da auga que a Plataforma veu denunciando dende a súa constitución", di o comezo dun comunicado da Plataforma Galega.

"O cambio de réxime xurídico de Augas de Galicia, converténdose nunha entidade pública empresarial, axustando regularmente a súa actuación ao dereito privado, supón un cambio de criterio político e xurídico de gran magnitude ao considerar a auga como un ben comercial en contradición co concepto de ben universal, coa función social e coa consideración de dereito humano universal". 

A loita da Plataforma, non só é unha loita de resistencia, senon que tamén é unha loita ofensiva. Trata-se de impedir a privatización, mais tamén do rescate, para o sector público, dos servizos privatizados. É  unha loita pola recuperación da xestión pública da Auga, unha loita contra a tendencia planetaria auspiciada pola Organización Mundial do Comercio -OMC, que considera a Auga como unha mercancia, un negocio lucrativo.


Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma contra a Lei de Augas desprazáronse, o 1 de abril, até a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (rúa San Lázaro s/n, Compostela), para presentar alegacións aos estatutos de Augas de Galicia.

No acto de entrega das alegacións, que foi ás 12:00 horas, falou en nome da Plataforma a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que denunciou que o texto que pretenden que rexa o funcionamento do ente Augas de Galicia “deixa ben clara a privatización e a mercantilización que vimos denunciando dende a Plataforma Galega contra a Lei de Augas e que nos parece gravísima”.

Freire explicou que, por exemplo, o artigo 23 permite a Augas de Galicia “a creación e constitución de sociedades mercantís e a participación en calquera outra sociedade constituída por entes públicos ou particulares” o cal significa “que se poderá facer negocio con algo que, para esta Plataforma, é innegociable: a auga, que debe ser un ben público, social e gratuíto para cubrir as necesidades básicas de calquera pobo”. Para Freire, “non podemos consentir que vaiamos pagar por un ben e dereito básico como a auga, indispensable para vivir, para beber, para a nosa hixiene, e para a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria”. Fronte á Lei de Augas e aos estatutos de Augas de Galiza cociñados nos despachos da Consellaría de Medio Ambiente, Carme Freire reclamou, en nome da Plataforma, a derrogación destes textos para crear unha lexislación sobre as augas en consenso e en beneficio do pobo galego.

De seguido, facilitamos o texto da alegación presentada, pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas que conclúe pedido a derrogación da Lei de Augas:

O Anteproxecto de Decreto que se nos presenta pretende desenrolar o cambio de réxime xurídico de Augas de Galicia, converténdoa en administradora única e ordinaria da política de augas de Galiza, asumindo todas as competencias que en materia de augas ten transferidas a Comunidade Autónoma no marco da Constitución e do Estatuto de Autonomía. Así como a interferencia nas competencias que en materia de augas son propias dos Concellos.

Partimos da base de que a auga é un ben fundamental para a vida, e por iso debe ser e é considerado un dereito humano esencial. A Asemblea Xeral da ONU o 26 de xullo de 2010 adoptou unha resolución que declara “o dereito a auga potable e ao saneamento como un dereito humano esencial para o pleno gozo da vida e de todos os dereitos humanos".

O cambio de réxime xurídico de Augas de Galicia, converténdose nunha entidade pública empresarial, axustando regularmente a súa actuación ao dereito privado, supón un cambio de criterio político e xurídico de gran magnitude ao considerar a auga como un ben comercial en contradición co concepto de ben universal, coa función social e coa consideración de dereito humano universal. As “entidades públicas empresariais” regúlanse nos artigo 89 a 94 da Lei 16/2010, de 17 de decembro; Lei que foi aprobada con posterioridade á aprobación da Lei de Augas, da que este Anteproxecto de Decreto polo se que se aproba o Estatuto de “Augas de Galicia” é un desenvolvemento.

Ao establecer que “Augas de Galicia” é a administración única e ordinaria en materia de augas e ademais convertela nunha entidade pública empresarial, estase a facer de todas as augas unha actividade económica, na que ten responsabilidade un organismo público (a día de hoxe) e que ten unha prestación privada. Convértese a Augas de Galicia nunha empresa en réxime de monopolio natural que nas súas relacións externas funciona baixo as normas do libre comercio. Aproveitase a capacidade lexislativa de Galiza en canto Comunidade Autónoma para cambiar o réxime xurídico de uso, acceso e consumo a un ben básico como é a auga.

Debemos lembrar que a Sentencia do Tribunal Constitucional 227/1988, de 29 de novembro declara con claridade e rotundidade que “O ben de dominio público é así ante todo rex extra commercium”. Do mesmo xeito, “a incorporación dun ben ao dominio público supón non tanto una forma específica de apropiación por parte dos poderes públicos, senón unha técnica dirixida primordialmente a excluir o ben afectado do tráfico xurídico privado”.

A Lei de Augas, da que este Anteproxecto é un desenvolvemento, supón o inicio dun proceso de patrimonialización de bens sociais, colectivos. Debe terse presente o carácter de ben veciñal ou comunal da auga en Galiza e a existencia da institución -á par dos bens de dominio público- dos “bens comunais”, expresamente mencionados no artigo 132 da Constitución, ademais de outras normas en ámbitos concretos, como por exemplo o Regulamento de bens da entidades locais, aprobado por Real Decreto 1372/1986, de 13 de xuño (concretamente nos seus artigos 2 e 94 e seguintes).

O feito que a Lei de Augas no referente á fiscalidade e, concretamente, ao canon que estabelece para o uso e consumo da auga, considere como suxeitos pasivos a titulo de contribuíntes ás persoas físicas que usen ou consuman real ou potencialmente a auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación. (Art. 46 lei 9/2010). A consideración de consumo ou uso potencial, reforza e confirma a consideración de ben comercial que se lle da na Lei de Augas de Galicia e no propio Anteproxecto de Decreto no que se contén a proposta de Estatuto de “Augas de Galicia”.

Esta consideración da auga, de todas as augas de Galiza, como ben comercial, contradí a Directiva 2000/60/CE de 23 de outubro de 2000, pola que se estabelece o marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, que no seu inicio di “(1) A auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal”.

O feito de que a Administración única e ordinaria en materia de augas nas súas relacións para cos usuarios e consumidoras, concesionarias e o resto de relacións externas funcione baixo as normas do libre comercio, supón a privatización da auga, por mais que de momento Augas de Galicia sexa unha empresa de capital 100% público e de control público (control do Consello da Xunta e a Comisión de Contas, pero non do Parlamento). A modo de exemplo, no Anteproxecto que se somete a consideración:

O artigo 23,1º supón, en definitiva, dar vía libre para a mercantilización dun recurso básico, na liña apuntada nas consideracións xerais.

No artigo 24,4 dise que “queda expresamente sometida ao dereito público a actividade de Augas de Galicia relacionada coa xestión da auga ...”, despois concrétase, particularízando en 5 apartados qué aspectos quedan sometidos ao dereito público. O termo “xestión da auga” é moi amplo e interpretable. Os cinco aspectos que se citan non poderían máis que ser públicos. Dáse pé a que o dereito privado invada moitas cuestións que non entran no marco da planificación pública, as relacións interadministrativas ou o exercicio da potestade sancionadora.

Ademais, permíteselle á empresa “Augas de Galicia” dar entrada a participación privada. O Anteproxecto de Decreto que se somete a consideración, no seu artigo 23, permite a creación e constitución de sociedades mercantís e a participación en calquera outra sociedade constituída por entes particulares. Tamén no artigo 30 -referido aos recursos económicos- refírese a celebrar convenios con empresas e institucións privadas.

Atopámonos ante unha fórmula de privatización (das mais de 40 documentadas en extensos estudios de investigación) consistente en: “A transferencia de activos do sector público ao privado a través da explotación de actividades, normalmente de servizos públicos, que con antelación prestaba un organismo público e que mediante licencias, convenios, concesións, contratas, subastas, etc., pasan ao sector privado, ben transferindo a súa organización (que se fará baixo formas xurídicas privadas aínda que o seu control, financiamento e xestión podan seguir en mans públicas) ou ben a súa xestión (mediante unha empresa privada). Estas posibilidades de transferencia poden darse soas ou combinadas a vez…” (Pax. 83, “La nueva sociedad anónima pública” Encarnación García Ruíz)

Estamos, entón, ante un caso de inicio dun proceso de privatización, por parte da Xunta de Galicia. Sucede que neste caso actúase sobre un ben fundamental para a vida, un ben social, universal, natural, un dereito humano e de toda unha competencia pública transferida polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia. Por máis que o capital inicial sexa público, que o control sexa da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, nas súas relacións externas, ou sexa cos consumidores/as, usuarios/as, concesionarios, etc rexerase polo dereito privado, como unha sociedade mercantil. Polo que todas as augas de Galiza pasan a ter consideración de mercadoría e a estar expostas ás leis do libre mercado.

Neste sentido solicitamos a derrogación da “Lei de Augas” e que se abra un período de debate con toda a cidadanía con total transparencia, onde se determine cal é o mecanismo a escoller para o cumprimento dos obxectivos comunitarios que se concretan na Directiva 2000/60/UE, e que se resumen na protección en calidade e cantidade das nosas augas. Asemade, é necesario que na lexislación galega de augas o réxime xurídico de “Augas de Galicia” e do uso e consumo da auga non mude na dirección indicada.



Son membros da Plataforma Galega contra a Lei de Augas:

Nenhum comentário:

Postar um comentário