Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

segunda-feira, 28 de março de 2011

Manifesto do Ecoloxismo Galego pola Auga

[Fervenza no Río Belelle - Neda, Foto ADEGA]

Co gallo do Día Mundial da Auga, os colectivos ecoloxistas ADEGA, Amigos da Terra, FEG, SGHN e Verdegaia presentamos un Manifesto na procura dunha mudanza radical no xeito de entendermos o uso deste elemento vital para a vida. O xeito de xestionar a súa demanda tanto na faciana extractiva como de depuración, reverterá na calidade do noso ecosistema e na sustentabilidade da nosa sociedade.

É imprescindíbel mudar radicalmente a xestión dos recursos hídricos que permita mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración, á vez que se garante a xestión pública e o acceso colectivo a un auga de calidade. A auga cumpre unha función ambiental e social básica e como tal, é un ben público polo que a súa xestión debe se manter neste ámbito, fuxindo de procesos de privatización ou especulación.

O manifesto demanda, entre outras medidas, a declaración da inalienabilidade da auga como ben público e colectivo, o establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga, que incentiven o aforro e penalicen o desbaldimento, sempre dende a perspectiva da equidade e a xustiza social, prohibir a construción de mais centrais hidroeléctricas impedindo tamén os transvases entre bacías, deslindar o dominio público hidráulico e defendelo fronte á súa apropiación para usos privados. estabelecer e facer cumprir os réxies de caudais ecolóxicos en todos os ríos e o desenvolvemento dun amplo programa de educación e sensibilización cidadá para que os principios e os preceptos da Nova Cultura da Auga sexan asumidos e interiorizados pola nosa sociedade.


Manifesto no Día Mundial da Auga
22 de Marzo de 2011
Por unha nova cultura da auga, tamén na Galiza

A auga é un elemento básico para a existencia da vida polo que debe considerarse patrimonio non só dos seres humanos senón de todas as formas de vida. É un recurso limitado sobre o que aumenta sen freo a presión para uso doméstico, agrícola e industrial. O xeito de xestionar esta demanda tanto na súa faciana extractiva como de depuración reverterá na calidade do noso ecosistema e na sustentabilidade da nosa sociedade. A auga doce é de vital importancia para a vida, e en ningún momento a súa extracción ou reintegro debe comprometer a supervivencia do ecosistema do que se extrae.

É responsabilidade das Administracións Públicas e do conxunto da cidadanía garantir a sustentabilidade no uso da auga, atendendo todos os elementos que conforman a achega deste recurso, dende a conservación dos ecosistemas húmidos, á calidade no subministro e a eficiencia na depuración, pasando polo control usos industriais, agrícolas e persoais, e o fomento do aforro e a eficiencia.

As organización asinantes asumimos a sustentabilidade, a moderación e a racionalidade como principios nos que asentar a xestión da auga e reiteramos o seu carácter público e colectivo, denunciando o seu proceso privatizador. A meirande parte dos concellos galegos teñen a xestión da auga cedida a empresas privadas, moitas delas transnacionais, abrindo deste xeito as portas á privatización do recurso, como xa aconteceu en países de América Latina.

A auga cumpre unha función ambiental e social básica e como tal, demandamos o cese inmediato de calquera proceso de privatización ou especulación, lexislado ou por lexislar, recuperando a xestión pública en todo o relacionado co seu uso, e o investimento de calquera beneficio económico que puidera existir, en medidas para recuperar a calidade ambiental dos elementos que fan parte do ciclo da auga.

É imprescindíbel acometer unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos que permita mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración, á vez que se garante a xestión pública e o acceso colectivo a un auga de calidade. Débese acometer o deslinde do dominio público hidráulico evitando a súa apropiación por particulares e empresas, reformular ou recuperar as concesións hidroeléctricas que converten ás empresas nas propietarias de feito dos ríos, perseguir captacións e verquidos ilegais, ademais de modernizar os sistemas de transporte e depuración.

A incidencia do cambio climático sobre o ciclo da auga no noso país xa é unha evidencia contrastábel: reduciu a súa abondosidade e aínda o fará máis intensamente de non reducirmos as nosas emisións de gases de efecto invernadoiro. O aumento de temperatura segue a diminuír as dispoñibilidades de auga polo aumento da evaporación o que xunto a diminución das precipitacións converten a auga nun recurso progresivamente máis escaso. Ecosistemas altamente produtivos como as rías vólvense máis sensíbeis á contaminación o que fai imprescindíbel unha depuración moi avanzada dos vertidos.

Tomar auga do medio e levala ás cidades implica un gasto na creación e no mantemento da infraestrutura necesaria. Mais tamén un custo adicional: o cese da función que a auga deixa de realizar por eliminala do seu lugar natural. Do mesmo xeito, depurar e verter augas residuais implica un custo pola creación e mantemento das infraestruturas necesarias, máis o custo adicional ocasionado pola perda de aptitude do ecosistema receptor. O prezo da auga é unha ferramenta necesaria para evitar o sobreconsumo, polo que é necesario o establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que graven o consumo excesivo, pero garantindo sempre a súa natureza de recurso público e mantendo alonxados os intereses privados do control do recurso. A tarificación debe servir, máis aló dunha finalidade exclusivamente recadatoria, á prevención da contaminación e da sobreexplotación, e á recuperación dos ríos e acuíferos, e a impulsar e educación ambiental para promover o aforro, a eficiencia e a corresponsabilización. Deben gravar o consumo real, dun xeito exponencialmente máis gravoso canto maior sexa este.

Diante desta realidade, as organizacións e colectivos asinantes deste manifesto esiximos:

1. Que todas as augas sexan consideradas na lexislación un elemento fundamental para a vida e como tal garantir a súa inalienabilidade como ben público e colectivo, recuperando a súa xestión pública coa participación directa da cidadanía.

2. O establecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga, que incentiven o aforro e penalicen o desbaldimento. Definirase unha política de prezos que grave o consumo real de auga para fomentar o aforro, e revirta os ingresos obtidos na mellora do recurso e dos ecosistemas húmidos. Débese recoñecer o dereito cidadá ao acceso á auga potábel e garantir uns mínimos vitais exentos de gravame fiscal para toda a cidadanía. Mais ese dereito non pode entenderse como un uso gratuíto ou a baixo prezo de cantidades excesivas (superiores a un cento de litros por persoa e día) para a satisfacción de actividades domésticas cotiás.

3. Que as administracións públicas asuman e exerzan a súa obriga de garantir que a explotación dos recursos hídricos, sexan fluviais ou freáticos, non comprometan a saúde e a diversidade dos ecosistemas doadores actuando decididamente sobre o aumento incontrolado das demandas de auga para usos urbanos, agrarios, industriais e enerxéticos e establecendo todas as medidas necesarias que garantan a depuración e o óptimo estado da rede minimizando as perdas de auga potábel no subministro.

4. Prohibir a construción de mais centrais hidroeléctricas impedindo tamén os transvases entre bacías.

5. Deslindar o dominio público hidráulico e defendelo fronte á súa apropiación para usos privados.

6. Estabelecer e facer cumprir os réxies de caudais ecolóxicos en todos os ríos.

7. Optimización da xestión de augas residuais mediante medidas que contemplen a separación en orixe das augas industriais e as domésticas, co tratamento in situ das primeiras e a reutilización das augas rexeneradas para rega, limpeza e usos industriais; o emprego de técnicas depurativas que permitan aproveitar os recursos das augas residuais (materia orgánica e nutrientes) ou os subprodutos xerados no proceso da depuración (lodos, biogás...) e a separación de augas pluviais das residuais para non comprometer o proceso de depuración nos momentos de sobrecarga.

8. Tendo en conta que a xestión da auga debe asumir unha visión holística, a instalación de depuradoras non debe comprometer a integridade biolóxica, social, produtiva ou recreativa da contorna. É imprescindíbel respectar o dominio público hidráulico e os espazos naturais, a marxe do río e a súa chaira de asolagamento, sobre todo, as marismas e xunqueiras das desembocaduras. Tamén cumpre ter en conta os habitantes da zona escollida para instalar as E.D.A.R. e compensar os afectados. Coa finalidade de reducir a concentración de impactos e simplificar as instalacións, cumpre apostar polo establecemento de sistemas descentralizados de depuración en vez dunha grande E.D.A.R. para garantir a maior depuración posible en caso de avaría dalgunha parte do sistema, reducir os custos de infraestruturas e bombeo no caso de se precisar, así como minimizar os impactos ambientais e sociais. Á hora de escoller entre diversos sistemas de depuración primarase o baixo consumo enerxética e a menor complexidade tecnolóxica.

9. Implantación de sistemas de autoxestión de augas, que contemplen tanto a depuración como a reutilización aplicando técnicas de depuración e aproveitamento de pluviais, que posibiliten un tratamento ecolóxico de depuración.

10. O desenvolvemento dun amplo programa de educación e sensibilización cidadá para que os principios e os preceptos da Nova Cultura da Auga sexan asumidos e interiorizados pola nosa sociedade. Este programa debe adaptarse aos distintos sectores, ámbitos e idades tendo en conta as súas particularidades, coa finalidade de atinxir que a cidadanía asuma unha postura de responsabilidade no uso e xestión da auga.

11. Urxe modificar ou derogar a Lei de Augas de Galicia, redactando unha nova lei que transpoña de verdade a Directiva Marco sobre Política de Augas e contemple o recollido no presente manifesto, coa participación directa e real da cidadanía.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2011

Organizacións asinantes



Adega, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia.
______________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário