Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

segunda-feira, 28 de março de 2011

O alcalde de Teo denuncia a publicidade engañosa da Lei de Augas

O alcalde nacionalista de Teo, Martiño Noriega Sánchez, dá un paso á fronte "ante un feito tan sensíbel para a nosa poboación" e denuncia que a Lei de Augas da Xunta de Galicia non contempla as bondades que salienta o anuncio insertado en diversos medios de comunicación.

Antonte mesmo presentou no Rexistro Xeral da Xunta un escrito de catro follas no que exixe a inmediata retirada ou modificación e a rectificación dos anuncios sobre a Nova Lei de Augas de Galicia contratados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas por publicidade enganosa.

A reclamación do Concello de Teo, dirixida á presidencia da Xunta, á Consellería e a Augas de Galicia, explica que o articulado da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia (DOG nº 222 do xoves 18 de novembro) recolle textos que, en principio, contradín as informacións do anuncio. Ademais, publica afirmacións sobre a aplicación do canon establecido por esta lei que "son falsos e conducentes ao engano, xa que a nova lei de augas non os contempla nin no preámbulo, nin no seu articulado, nin nas disposicións ou anexos".

Por exemplo, reflicte o escrito, o spot sinala a bonificación dun 90% para traídas veciñais e que os pozos particulares non terán que pagar o canon, pero o rexedor alega que nos artigos 47.1 e 47.2 onde se recollen os supostos de suxeición ao canon da auga e os usos exentos do pagamento non se fai referencia ningunha aos devanditos casos.

"Incorre claramente en publicidade enganosa"

Aínda que Noriega, non descarta "que a Xunta teña a intención de matizar a lei no futuro a través do regulamento ou coa derrogación parcial desta, pola contestación social que atopou", ata o de agora "o único texto aprobado é a lei que está publicada no DOG e esa publicación oficial contradí a información institucional publicada dende a Xunta nos medios, incorrendo claramente en publicidade enganosa" destaca o rexedor.

Dende o Concello advírtese de que no caso de que a solicitada modificación das insercións publicitarias non se dea coa urxencia requirida pola gravidade dos feitos estudaranse as accións legais pertinentes "para evitar e subsanar esta evidente publicidade enganosa e manipulación informativa dunha administración pública".

O rexedor teense explica que se decide cursar esta reclamación por entender que as administracións locais son axentes afectados polo futuro desenvolvemento na nova lei de augas, como se recolle no artigo 5 de dita. A administración local de Teo, "á que represento", remata o escrito, "non pode permanecer impasíbel diante dun feito tan sensíbel para a nosa poboación".

Publicado por Raquel M.Casal en Galicia Hoxe
__________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário