Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

quinta-feira, 28 de abril de 2011

O SLG segue a esixir a derrogación da Lei de Augas


A contestación social forza os primeiros cambios na Lei de Augas de Galicia

O Sindicato Labrego Galego reafírmase na súa posición de esixir a derrogación deste texto legal que privatiza a auga do noso país

Diante do acordo asinado onte, 27 de abril, entre a Consellaría de Medio Ambiente e dúas organizacións agrarias respecto ao regulamento de aplicación do canon da Lei de Augas, o Sindicato Labrego Galego reafírmase na súa vontade de seguir traballando e mobilizando á sociedade para acadar a derrogación deste texto legal que privatiza as augas do noso país e legaliza o pago polo seu uso e consumo.

Para o Sindicato Labrego Galego, o acordo asinado foi unha tímida e deficiente resposta á forte mobilización social producida nos últimos meses na Galiza para esixir a derrogación da Lei de Augas. Parece ser, polo que se lles adiantou aos medios de comunicación, que non se lles vai cobrar o canon ás actividades agrarias nin aos subministros particulares; do mesmo xeito que xa prometeron Agustín Hernández e Feijoo que non se vai cobrar o canon no medio rural. Resulta rechamante e sospeitoso que estas promesas e anuncios se fagan na véspera das eleccións municipais e se fagan antes, incluso, de que o Consello da Xunta aprobe o decreto dos estatutos de Augas de Galicia nos que se lle cambiará o réxime xurídico a esta entidade para que pase de ser pública a ser unha entidade público-empresarial rexida polo dereito privado e as normas de libre mercado nas súas relacións con consumidores/as, usuarios/as e concesionarias de auga.

Por todo o devandito, o acordo asinado onte non cambia en nada a posición do Sindicato Labrego Galego respecto da Lei de Augas, que non é outra que a de esixir a súa derrogación, tanto a través de accións propias, como no seo da Plataforma Galega contra a Lei de Augas. Para o Sindicato Labrego é necesario lexislar e regular os usos da auga en Galiza, pero sempre a través dun debate social, transparente, democrático e participativo que parta dun principio básico: a auga é e debe seguir sendo un ben público, social e un dereito humano fundamental; en calquera caso, nunca un ben co que especular e facer negocio nos despachos de San Caetano.

Saúdos do gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego

Comunicado de prensa do SLG - 28.04.2011

Nota.-
Se desexan máis información poden falar coa secretaria xeral do SLG, Carme Freire Cruces, no 619 348 426; ou con Manuel Docampo Paradelo, membro da Executiva do SLG, no 686 304 088

Prensa SLG
prensa@sindicatolabrego.com
28 de abril de 2011 12:23
----------

Nenhum comentário:

Postar um comentário