Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

sábado, 19 de março de 2011

Comunicado Unitario para a Manifestación Nacional do 20M: Derrogación da Lei de Augas Xa!


Compostela, 19 de Marzo de 2011

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas manifestarase mañá 20 de marzo, en Compostela, para esixir da Xunta de Galiza a derrogación do polémico texto legal que privatiza todas as augas do noso país, incluídas a da choiva, a dos pozos, a dos ríos e a do mar. A manifestación terá como punto de partida a Alameda, de onde sairá ás 12:00 horas e, tras pasar pola Praza de Galiza, rematará na Praza da Quintana, onde se lerá un manifesto.


A día de hoxe, integran a Plataforma Galega contra a Lei de Augas as seguintes organizacións e colectivos sociais: ALTERMUNDO, SINDICATO LABREGO GALEGO (SLG), ORGANIZACIÓN GALEGA DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, MADIA LEVA, MOCIDADE NACIONALISTA GALEGA, PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA, C.D.R. ANCARES, PLATAFORMA DE FERROLTERRA EN DEFENSA DA AUGA, COLECTIVO NACIONALISTA DE MARIN, ASOCIACIÓN VECIÑAL DA PARROQUIA DE HERBOGO "O CASTRO", COLECTIVO CIDADÁN ANACOS DA CIDADE, ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA, ADIANTE (Mocidade Comunista Pola Independencia de Galiza), CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADOR@S (CUT). A maiores, hai unha grande cantidade de adhesións persoais que apoian a esta plataforma.

A elección da data fíxose pensando no Día Mundial da Auga (22 de marzo), e encádrase nunha campaña de sensibilización e toma de conciencia de toda a cidadanía na procura de impedir que a auga sexa considerada un ben comercial; e para que siga sendo un ben social, universal, de propiedade común e de xestión pública e participativa.

A Lei de Augas, despois da súa aprobación en novembro de 2010, está a seguir o seu desenvolvemento normativo. Nestes momentos, atópase en exposición pública o “Proxecto de Decreto polo que se aproba o Estatuto de Augas de Galicia” que é o decreto que define o réxime xurídico da empresa Augas de Galicia, que deixa de ser de dereito público, a considerarse unha entidade pública empresarial suxeita ao dereito privado.

Mentía Agustín Hernández cando dicía que, mentres el fose Conselleiro de Medio Ambiente, non se aplicaría a Lei de Augas de Galiza. Esta lei pararémola coa mobilización social e coa toma de conciencia de todas e todos as galegas e galegos que non queremos deixar de herdanza para as vindeiras xeracións a auga convertida en produto de mercado, de especulación e de desigualdades sociais.

Non pagaremos un canon polo noso dereito a ser persoas e a vivir, non deixaremos que nos privaticen a auga. O Goberno da Xunta non ten dereito a facer das nosas augas un monopolio natural con xestión empresarial, non ten dereito a facer da empresa Augas de Galicia a propietaria de todas as augas de Galiza.

Plataforma Galega contra a Lei de Augas

Contactos: Carme Freire (Sindicato Labrego Galego: 619 348 426); Xosé Alfredo Pereira (Organización Galega de Comunidades de Montes: 649 137 135); Manoel Santos (Altermundo: 686 021 933) e e Inácio Martínez (Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga: 645 158 113)
_________________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário