Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga

domingo, 20 de março de 2011

Crónica da manifestación contra a Lei de Augas - Comunicado da Plataforma Galega contra a Lei de Augas -20.03.2011

Máis de 2.000 persoas pediron a derrogación da Lei de Augas hoxe en Compostela


Máis de 2.000 persoas congregáronse hoxe, 20 de marzo (antevéspera do Día Mundial da Auga) en Santiago de Compostela, para esixir do Goberno de Feijoó a derrogación da Lei de Augas de Galicia. A marcha cívica, convocada pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas, partiu ás 12:30 horas da Alameda, e rematou na Praza da Quintana, onde representantes das diversas organizacións que integran este movemento contra a privatización da nosa auga deron lectura ao seguinte manifesto:

As organizacións asinantes deste manifesto CONSIDERAMOS que:

A auga é fundamental para as persoas, os animais e as plantas; é indispensable para a vida e para o sostemento do planeta polo que debe considerarse pública e universal, e debe cumprir antes de nada una función social de alimento e de hixiene. Neste sentido toda normativa sobre as augas deberá prohibir que se privatice, se saque beneficio ou se especule coa auga.

As organización asinantes asumimos a sustentabilidade e a racionalidade como principios nos que asentar a xestión deste recurso básico para a vida.

Os gobernos deben garantir o subministro e a calidade da auga para o consumo e o uso responsable a toda a poboación, con independencia de si viven no rural ou en áreas urbanas ou do grado de dispersión do asentamento. Tamén deben garantir os gobernos auga suficiente e de calidade para os animais e para a agricultura labrega como actividade de produción de alimentos para a poboación.

A Lei de Augas de Galicia, supón o apropiamento e a privatización de todas as augas de Galiza, fixando ademais prezo a auga, un canon que establece sobre toda a auga, a maiores do prezo do subministro que determinan os concellos ou as entidades subministradoras e a maiores tamén do canón de vertido ou coeficiente de vertedura.

Ata o de agora pagamos polo subministro e a depuración, cando se nos prestan eses servizos. Con esta lei amais de pagar polo servizo, pagaremos polo ben, a auga pasa a ter un prezo.

Todas as augas sexan de subministro público ou dos veciños, da superficie ou do subsolo, nazan en finca pública ou privada, incluso a da chuvia e a do mar, de aproveitarse haberá que pagar un prezo.

A lei traspasa todas as competencias en materia de augas que ten Galiza a unha empresa: Augas de Galicia que funciona segundo o dereito privado e é xuridicamente unha S.A., convertendo a esta empresa na administración única e ordinaria da política de augas en Galicia, dándolle todas as competencias que nesta materia lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma.

Á vista dos plans de axustamento estrutural dirixidos polo FMI e o Banco Mundial, que se están a aplicar en cada vez máis lugares de Europa provocando unha histórica recesión dos dereitos sociais adquiridos durante as últimas décadas, a Lei de Augas senta as bases para a transferencia futura do 'capital auga' a calquera transnacional, coa máis que posíbel privatización de Augas de Galicia.

Limita a autonomía municipal, obrigando aos concellos a actuar ao servizo da empresa Augas de Galicia, coa obriga de cobrar o canon, sometendo a planificación urbanística a seu ditame, supervisando a administración local nas competencias propias en materia de augas, quitando a potestade de dar permiso de obras cando as acometa a empresa Augas de Galicia.

A Directiva 2000/60/UE, di textualmente ao inicio: 'A auga non é un ben comercial como os demais, se non un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal', polo que a Lei de Augas de Galicia é contraria ao espírito desta Directiva ao nomear como administración única en materia de augas a unha empresa de dereito privado, que funciona segundo as leis do libre comercio. Amais esta Directiva comunitaria obriga a protexer as augas pero non a establecer uncanon polo uso delas.

Asemade, Nacións Unidas aprobou o 28 de xullo de 2010 o proxecto de resolución A/64/L.63/Rev.1, na que “Declara o dereito á auga potábel e o saneamento como un dereito humano esencial para o pleno goce da vida e de todos os dereitos humanos”. Os dereitos humanos nin se compran nin se venden, e moito menos deben ser suxeito de negocios.

E PROPOÑEMOS:

1- A derrogación da Lei de Augas de Galicia.

2- Que todas as augas de Galicia sexan consideradas na lexislación un dereito fundamental para a vida das persoas, os animais e as plantas. Un ben universal, social, de propiedade común e de xestión pública e participativa,

3- Que os gobernos e as institucións asuman a súa responsabilidade como factor contaminante e como planificador e transmisor de hábitos de vida e consumo pouco respectuosos co medio ambiente e que establezan medidas correctoras: á construción de grandes infraestruturas, á acumulación de poboación en cidades, aos asfaltados masivos de grandes áreas urbanas, á promoción de industrias contaminantes, aos incentivos ao consumismo, á canalización de acuíferos, á contaminación por acumulación en encoros, ao non separar as augas pluviais, etc.

4- Priorizar e establecer a gratuidade para o uso da auga como alimento e aseo para as persoas, os animais e a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria

5- Impedir a construción de mais centrais hidroeléctricas e que as existentes revertan ao público no remate da súa concesión; impedindo tamén o transvase de auga a outras comunidades.

6- Prohibir por lei a privatización das augas, incluído o subministro e a depuración que deberán ser públicos e de xestión municipal, veciñal ou particular dependendo da propiedade das instalacións.

En Santiago de Compostela, a 20 de marzo de 2011



Plataforma Galega contra a Lei de Auga

-ALTERMUNDO, SINDICATO LABREGO GALEGO (SLG), ORGANIZACIÓN GALEGA DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, MADIA LEVA, MOCIDADE NACIONALISTA GALEGA, PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA, C.D.R. ANCARES, PLATAFORMA DE FERROLTERRA EN DEFENSA DA AUGA, COLECTIVO NACIONALISTA DE MARIN, ASOCIACIÓN VECIÑAL DA PARROQUIA DE HERBOGO "O CASTRO", ENCONTRO IRMANDIÑO, COLECTIVO CIDADÁN ANACOS DA CIDADE, ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA, ADIANTE (Mocidade Comunista Pola Independencia de Galiza), CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADOR@S (CUT)-

A maiores, amosaron o seu apoio á Plataforma Galega contra a Lei de Augas unha grande cantidade de persoas a nivel individual; ás que habería que engadir o rexeitamento oficial da Lei de Augas realizado polos concellos de Ferrol e Bergondo; e o apoio á manifestación feito público polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.


Por mor do especial impacto que a Lei de Augas ten sobre o medio rural e as actividades agropecuarias, trala lectura do manifesto interveu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que foi tallante ao dirixirse ao Presidente da Xunta dicindo: “Señor Feijoó, o que esiximos hoxe aquí é innegociable: non queremos que arranxe a lei, queremos que a derrogue”; e fronte á Lei de Augas pediu “leis que nos protexan da usura, que nos garantan o acceso gratuíto á auga salubre, á auga como alimento, como hixiene e como recurso necesario para a produción de alimentos. Queremos que se nos garanta ao pobo galego a auga como ben social e de xestión pública”.


Carme Freire destacou a presenza na manifestación de xentes da máis diversa procedencia, mesmo de persoas que nunca estiveran nun acto destas características, e atribuíno a que a Lei de Augas atenta directamente contra un ben indispensable para a vida. “A forza que nos brota hoxe aquí, señor Feijoó”, dixo Freire, “vai moito máis alá da ideoloxía e do que votamos cada un de nós, porque aquí estamos persoas, nais, pais, avós e avoas, para demostrarlle que esta manifestación sáenos do máis fondo, xa que entendemos que a auga é algo sagrado co que non se xoga. Co dereito a beber e, polo tanto, a vivir, non se especula, non se negocia, no se deixa, mediante lei, en mans dun ente de dereito privado para que recade, para que nos cobre e se lucren empresas con algo tan básico como a auga, que nos chove do ceo ou nos brota da terra”. Indo máis ao persoal, afirmou que “hoxe fálolle tamén como nai, como tantas nais e pais con fillos e fillas que non se merecen que lles deixemos hipotecado o seu dereito á vida, o seu futuro, por unha lei que significa pagar por beber”.


Carme Freire lembrou outras loitas do pasado, como a campaña de desobediencia civil –nas décadas dos setenta e dos oitenta- que forzou a abolir o imposto da cota empresarial que se lles cobraba ás explotacións labregas. A secretaria xeral do SLG afirmou que “se temos que loitar outros quince anos máis para derrogar a Lei de Augas, do mesmo xeito que fixeron moitos labregos e labregas contra a cota empresarial, loitaremos”. Neste senso, Freire botou man da ironía e animou a seguir o exemplo de insubmisión do Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que primeiro fixo a lei e agora di que non a vai aplicar, ao que engadiu que “non nos van aplicar esta lei por moito que se empeñen en insultar a nosa intelixencia dicíndonos que a fixeron pero que non a van a aplicar”.

Saúdos dende a Plataforma Galega contra a Lei de Augas

Se desexan máis información, poden poñerse en contacto coas seguintes persoas: Carme Freire (Sindicato Labrego Galego: 619 348 426); Xosé Alfredo Pereira (Organización Galega de Comunidades de Montes: 649 137 135); Manoel Santos (Altermundo: 686 021 933); e Inácio Martínez (Plataforma de Ferrol Terra en Defensa da Auga: 645 158 113)
----------

Nenhum comentário:

Postar um comentário