A continuación transcribimos a nova publicada no citado xornal:
Pozos, traídas e explotacións, exentas do canon da auga
Medio Ambiente chega a un acordo con dous dos sindicatos do campo
Pozos, explotacións agrogandeiras e, moi probablemente, traídas comunais estarán exentas do canon da auga que se consagrou na lei aprobada polo Parlamento galego en novembro pasado. Este imposto, que aínda non se aplicaba, ten que ser desenvolvido nos regulamentos da norma. A Dirección Xeral de Ordenación Territorial, dependente da Consellería de Medio Ambiente, durante as negociacións que mantivo nas últimas semanas, chegou a un acordo con Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores para deixar fóra do canon este tipo de usos, segundo confirmou unha fonte deste último sindicato. Non se sumou ao acordo, segundo esta mesma fonte, o Sindicato Labrego.
Aínda que non hai ningún documento asinado, tan só faltan por resolver unhas cuestións técnicas que están repasando os equipos xurídicos, tanto dos dous sindicatos que o subscribirán como da propia consellería. O acordo, que a consellería non confirma (aínda que admite que as negociacións están avanzadas) dá resposta a unha reivindicación das traballadoras e traballadores do campo que consideraban excesivo este novo imposto que, a pesar de que a Lei leva case medio ano aprobada, ía empezar a aplicarse tras as eleccións municipais.
O canon sobre o consumo da auga estaba previsto para os usos agrarios, forestais e gandeiros que excedesen os 2.000 metros cúbicos ao ano, que deberían pagar se se xeraba "contaminación de carácter especial" por fertilizante, pesticidas ou materia orgánica. Os sindicatos agrarios criticaban que se asimilase o feito de ter unha explotación a ser un elemento contaminante, e pedían que en lugar de cobrar sobre un uso de ben público, se controláse a quen realmente producisen polución.
Unha manifestación de centos de persoas en Santiago promovida por 15 entidades, relacionadas co campo na súa maioría, pediu o pasado marzo que se derrogase a lei e chamaron á insumisión a pagar o canon, xa que entendían que se estaba facendo un negocio coa auga. Aínda que a lei seguirá en vigor, e a falta de coñecer a letra pequena do acordo entre os dous sindicatos agrarios e a consellería, parece que os gandeiros conseguiron impor parte das súas reivindicacións.
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, anunciou a mediados deste mes o impulso dos primeiros dous regulamentos dos seis que desenvolverán a Lei de Augas. Trátase da normativa de servizos de saneamento e depuración e do decreto de colaboración técnico-financeira entre Augas de Galicia e os Concellos. A primeira establecerá, segundo Hernández, "mínimos que garantan a eficacia e mantemento" das infraestruturas de limpeza das augas residuais, e fixará normas de "vixilancia e control" nesta actividade. O decreto, mentres, permitirá a Augas de Galicia asumir a explotación das infraestruturas consideradas de interese xeral.
A oposición critica que a aplicación do canon da auga e do coeficiente de vertedura pospúxose a logo das eleccións municipais do 22 de maio para, segundo denunciaban, tratar de evitar o impacto electoral dos novos impostos.
Pubicado por:
Pablo Linde - Santiago
El País - 25.04.2011
_______________
Nenhum comentário:
Postar um comentário